Thursday 09 de May de 2024

O Concello de Boqueixón retoma o servizo de conciliación “Madruga Boqueixón”, que agarda consolidarse nos próximos anos


O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha o servizo “Madruga Boqueixón”, unha iniciativa dirixida a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias con nenos ou nenas matriculados nalgún centro educativo do municipio. Este servizo permite que as familias poidan deixar aos fillos e fillas no centro educativo a partir das 7:30 horas, sabendo que estarán ben atendidos ata o inicio das clases.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, visitou aos primeiros usuarios e usuarias do “Madruga Boqueixón”, participando nas actividades de lecer que desenvolven ata o inicio das clases nunha aula cedida polo CPI Antonio Orza Couto. “Madruga Boqueixón é un servizo que favorece a conciliación e que pretendemos que se consolide nos vindeiros anos”, apunta Rodeiro Tato, quen amosa a súa disposición a “ampliar o número de prazas no que sexa preciso, sempre co obxectivo de que as familias o utilicen como un elemento importante de conciliación”.

De feito, para facilitar a participación veciñal, o Concello de Boqueixón optou por rebaixar nun 30% o prezo das actividades de conciliación do curso 2023/2024, tanto no “Madruga Boqueixón” como no “Tardes Educativas e de Lecer”. A maiores, o Concello ten establecidas varias bonificacións a disposición das familias.

O “Madruga Boqueixón” é un servizo posto en marcha polo Concello de Boqueixón no curso 2019-2020 pero que, coincidindo coa pandemia da Covid-19, deixou de ser empregado pola veciñanza do municipio. Porén, o Concello volveu ofrecer neste 2023 este servizo de acollida, coidado e vixilancia da rapazada de infantil, primaria e secundaria antes do comezo das clases.